ACTIVIDADE DO PLAN DE EDUCACIÓN EMOCIONAL
“PENSAMENTO +”
Estimadas familias:
Os nenos/as deben aprender a pensar en positivo canto antes, sobre todo en tempos de pandemia, polo que dende o centro educativo e dende o segundo ciclo de educación primaria, decidimos propoñer a seguinte actividade que forma parte do Plan de Educación Emocional deste curso.
A idea é ter un bote, un sobre ou un recipiente e que todos os días (se pode ser á mesma hora) escribamos algo bo que nos pasase ese día. Pode ser calquera cousa positiva que vos fixese sentir ben... a amabilidade do caixeiro do supermercado, o rato que xogamos en familia, un baño de escuma… cada un/unha debe identificar as súas alegrías diarias.
IMOS FACER DOUS BOTES: UN NA CASA E OUTRO NO COLE.
Animámosvos a que o fagades xuntos en familia!!
Escribiremos os bos momentos, sen deixalos pasar, para que o noso cerebro pola noite os recorde, e que vaiamos a durmir recordando o bo de cada día. Así as decepcións, os malos momentos ou os menos agradables, quedarán fóra da nosa mente.
Ao escribilo, o noso cerebro fixa eses bos momentos na mente, xa que está programado para recordar as cousas malas e darlle voltas e é necesario ser consciente deste erro e traballar para cambialo.
Se os nenos e nenas dende pequenos pensan en positivo, cando sexan maiores saberán encontrar o vaso medio cheo en lugar de medio baleiro, e serán capaces de facelo de forma automática.
Esta actividade terá unha duración dunha semana, xa que ao chegar o venres leremos entre todos/as os nosos pensamentos e reflexionaremos sobre eles, facendo fincapé na necesidade de mudar os pensamentos negativos polos positivos.