martes, 12 de noviembre de 2019

Un novo reto de Illa Fantasía - A capitá Mariana



    Unha nova carta chegou dende Illa Fantasía ao noso cole para seguir coñecendo máis historias impresionantes e fantásticas sobre a Illa e sobre Isótita.



   Nesta ocasión quen nos escribiu foi Deva, a serea gardiá das emocións e das augas.
  Contounos que é mestra e que ensina galego, lingua que se fala en toda Isótita e que consideran lingua da igualdade.
  Tamén nos contou que é moi amiga do Mago Alfa, de Brúxula, de Tatanka Ská ou da Capitá Mariana.

    E falando da Capitá Mariana... dinos que O Mago Alfa a describe así...

"Forte coma un xabaril, sabia coma un unicornio."    

   Ás veces pirata... ás veces serea... muller sabia, decidida  e valente, moi compasiva e solidaria. Posúe poderes extraordinarios como a fortaleza e a intuición, fala coa natureza e domina  todas as habilidades dos animais.
    É a musa de todas as artes, e da música  en especial. Vixía que non lle falte alimento aos unicornios. 
   Muller de auga, nada sempre acompañada de tiburóns e dun Narval, o chamado Unicornio do mar. Navega nun gran Galeón dourado cun unicornio por mascarón e por bandeira ,bordada nas velas, unha grande M violeta.
    Ás veces preséntase como pirata cunha gaivota no ombreiro, outras amósase como serea cun cabaliño de mar por compañeiro, e outras como a respectada Dama Gris co seu inseparable corvo mariño de cor negra, sempre axudando  a  levar a  luz a onde hai escuridade. Por todo isto e coñecida como "A Meiga do mar". 
    É a patroa maior de todas as confradías mariñeiras da illa e tamén gobernadora de Isótita dende que foi habitada.
    Filla dun pescador e dunha mariscadora. A súa nai quedou cega de traballar día tras  día coas mareas na  area das praias, baixo o reflexo da luz do sol, na procura de navallas, ameixas, berberechos... As súas mans teñen a pel endurecida ’ de aferrarse ás rochas cando ía ao percebe. ás minchas, ós mexillóns...
    O seu pai pescaba no cerco da illa. Coas súas nasas ía ás nécoras, aos camaróns e aos polbos, tamén robalizas coa cana  e moita sardiña de arrastre co bo tempo. Tiña unha pequena embarcación chamada A Patexeira Balbina coa que comezou recollendo un cangrexo branco chamado patexo que vendía na illa como fertilizante para  hortas, xardíns e viñedos. Mais onde máis horas pasaba no mar era na súa pequena dorna chamada como a súa filla: " A Mariana" .

    Por último, Deva cóntanos que se queremos coñecer á Capitá Mariana, debemos escribirlle unha carta coa nosa familia contando :
  • O importante que é o mar na nosa vila, se hai pescadoras, lonxa, peixarías, mariscadoras, barcos, praias….
  • Onde podería atracar o seu galeón dourado "O Stella Maris ".
  • Como chegar dende o lugar onde atraque o Galeón ata a nosa escola.

        Pódense empregar fotos,debuxos… e se somos capaces de namorar a Mariana da nosa vila coas nosas cartas, pronto visitará a nosas escola.


       E... como por suposto que estamos desexando coñecer á Capitá Mariana, xa comezamos a escribir as nosas cartas coa axuda das nosas familias.

             Mariana... agardamos con entusiamo a túa visita!!!








No hay comentarios:

Publicar un comentario

MAIOS 2023